Foro Veciñal Batefogo Manzaneda. Prevención de lumes a través da participación cidadá
21 de maio de 2016. 10:30 – De 10:30 a 13-30h.
Centro Cultural de San Miguel (O Penso, 25). Concello de Manzaneda
Desde mediados do ano pasado a equipa do Proxecto Batefogo está a traballar no Concello de Manzaneda. Durante este tempo, avanzouse na recompilación de información necesaria para coñecer a súa realidade biofísica e tamén socioeconómica, co obxectivo último de caracterizar o territorio (recursos naturais e patrimoniais, urbanismo e usos do solo) e analizar o impacto dos incendios sobre el.
O resultado: un estudo do territorio que pretende identificar as causas circunstanciais e estruturais dos lumes, así como cartografar as súas dimensións para localizar os “puntos quentes”, é dicir, aquelas zonas que, pola súa vulnerabilidade ou pola reiteración de incendios, merezan unha maior atención.
Mais os datos oficiais e os estudos científicos, fontes documentais principais deste estudo do territorio, non o son todo. As persoas que habitan o territorio son as que mellor coñecen as súas características e problemáticas e, como consecuencia, boa parte das solucións.
O vindeiro 21 de maio, a veciñanza de Manzaneda está convidada a participar nun Foro no que propomos:
- Por unha parte, queremos contrastar o estudo do territorio elaborado. Queremos que sexa a veciñanza do concello quen diga o que é correcto e o que non, con que está de acordo e con que non.
- Por outra parte, a partir deste estudo, poderemos comezar a construír alternativas, propostas de traballo que directa ou indirectamente enfronten a problemática dos lumes.
O foro durará unhas dúas horas e media, aproximadamente, e, se todo vai segundo o previsto, poderemos obter un estudo do territorio consensuado coa veciñanza e unha serie de propostas de traballo que, nun segundo encontro, concretaremos e detallaremos para poder levar á práctica.
O foro quere ser un punto de encontro para todas as veciñas e veciños do Concello de Manzaneda, mais non só iso. Todas as persoas que queiran participar, sexan ou non do concello, fican convidadas tamén a asistir, achegando así a súa visión externa da realidade do concello e as súas propostas.