A participación en positivo: Contribucións e beneficios

Nas dúas últimas décadas, o protagonismo que adquiriu a Participación, como substantivo (participación social, participación ambiental, etc.) ou como adxectivo (democracia participativa, orzamentos participativos, etc.), non deixou de medrar. Parece que na actualidade, a participación converteuse nun “lugar común” en discursos, declaracións de intencións, programas e/ou proxectos de colectivos sociais, de partidos políticos, da administración, de organismos internacionais e, incluso, é posíbel percibir a súa presenza en determinados sectores do mundo empresarial.

Sen dúbida, habería moito que dicir sobre o porqué deste crecente protagonismo –deslexitimación das institucións tradicionais, busca de novas canles de comunicación cidadanía-administración, maior control cidadán, etc. –, así como sobre a deturpación do propio concepto –cantos proxectos que se denominan “participativos” non son máis que un paripé?–. Mais, tentando fuxir de sesudos debates, o que se pretende recoller neste texto é algo máis sinxelo…

A posta en marcha dun proceso participativo, sexa este de maior ou menor dimensión cualitativa ou cuantitativa, pode significar moitas cousas. Sen ánimo de caer na inxenuidade, o que se presenta a seguir é unha relación de potencialidades e non un conxunto de efectos positivos que se dan de forma automática; os factores que inflúen no desenvolvemento dun proceso participativo son extremadamente diversos e están suxeitos a múltiples variábeis, desde a sinceridade da aposta por parte dos impulsores até o grao de implicación da comunidade implicada. Sexa como for, algúns dos beneficios que podemos atopar no marco da participación son:

  • Contribución a unha resolución máis eficaz dos problemas ambientais.

En numerosas ocasións tense afirmado que o desenvolvemento de procesos participativos para a toma de determinadas decisións resulta inviábel pola complexidade dos problemas tratados e a “lentitude” a que están suxeitos ditos procesos. En contraposición, os seguintes argumentos defenden a eficacia de propor procesos participativos para abordar problemáticas complexas:

    • Mellores diagnósticos das necesidades: a proximidade das persoas participantes aos problemas e retos ambientais tratados fai supor que a información da que dispoñen poida resultar de gran valor para a elaboración dos diagnósticos iniciais. Ademais, a súa participación permite coñecer como perciben a situación as persoas máis interesadas ou afectadas.

    • Maior riqueza na busca de solucións: a participación dun maior número de persoas na busca de alternativas e solucións fai que o conxunto de propostas poida ser dunha maior amplitude.

    • Maior mobilización de recursos: a través dos procesos participativos, un maior número de actores sociais poidan dispor os seus recursos (humanos e materiais) para a resolución dos retos tratados.

    • Maior colaboración na aplicación das decisións tomadas: os acordos aos que se poida chegar a través dun proceso participativo adoitan contar cun maior apoio e colaboración á hora de desenvolverse efectivamente.

  • Toma de decisións con maior equidade.

A participación dun amplo abano de colectivos e/ou persoas propicia que os desexos e intereses de determinados sectores, que tradicionalmente foron apartados da toma de decisións, sexan tidos en conta. Ademais, os procesos participativos posibilitan a corrección de tendencias tecnócratas, predominantes en demasiadas ocasións.

  • Desenvolvemento do sentido de pertenza das persoas co seu medio.

As persoas tenden a asumir responsabilidades ante o que consideran propio, mentres que o desarraigo produce a súa indiferenza ou inhibición. A vivencia dun lugar, o sentirse axente da súa conservación ou transformación é unha das claves para construír un sentimento de pertenza das persoas co seu medio, e os procesos participativos de maior implicación social están máis próximos a logralo.

  • Prevención de conflitos

A construción de consensos a que están suxeitos os procesos participativos para a resolución de problemas ambientais pode concentrar os coñecementos e as habilidades dos colectivos e individuos participantes no enfrontamento dos retos existentes, en lugar de enfrontar as persoas que teñen puntos de vista diferentes. Xeralmente, os procesos de toma de decisións no que as consultas son moi limitadas, avivan suspicacias entre diferentes grupos de interese e poden crear vencedores e vencidos e divisións nas comunidades. Por contra, a maior inclusión e posibilidade de comunicar puntos de vista diferentes, maior prevención de conflitos que dividan a comunidade.

  • Flexibilidade e lexitimación das decisións tomadas

O desenvolvemento dun proceso participativo non garante a conformidade ou a comprensión das decisións tomadas en todos os temas tratados. Porén, a pesares de non chegar necesariamente a acordos, os participantes teñen coñecementos dos argumentos condicionantes, o que facilita a súa comprensión.

Ademais, no caso en que o proceso participativo implique a administración, e esta tome decisións en función das tomadas no proceso, aumentará a súa lexitimidade.

  • Fomento da integración social

Se ben é certo que a existencia dun tecido asociativo relevante pode ser de gran axuda para o desenvolvemento dun proceso participativo, a posta en marcha en si mesmo de tal proceso pode axudar a potenciar a integración social.

Compartindo obxectivos, experiencias e responsabilidades, as persoas e organizacións establecen conexións que perduran máis alá dun proxecto concreto e que poden dar lugar a redes útiles para acometer novas iniciativas proambientais.

Deste xeito, poderíamos dicir que, o proceso participativo e o fomento da integración social asociado pode repercutir en:

    • Mellores relacións entre grupos sociais, ao aumentar o contacto entre eles nun contexto de apertura e tolerancia.

    • Mellores relacións entre poboación e administración, alí onde esta última participe.

    • Maior confianza e complicidade, resultado da comunicación entre colectivos.

  • Oportunidade para a aprendizaxe

O feito de ter que defender determinadas posturas, decidir sobre determinados aspectos, ou compartir intereses comúns, proporciona aos procesos participativos un elevado potencial para a adquisición, fortalecemento e optimización de coñecementos.

De forma xenérica, no proceso de participación pódense clarificar os propios valores, practicar e dominar unha ampla colección de técnicas e procedementos útiles para coñecer a realidade e actuar sobre ela ou adquirir de forma significativa ideas e conceptos.

O Proxecto Batefogo busca “aproveitar” todos estes beneficios co obxectivo de mobilizar á comunidade na busca de alternativas que, ao tempo que reducen os incendios forestais, son quen de xerar emprego e fixar poboación, nomeadamente no rural. Confiamos en que así sexa!

A relación de beneficios e contribucións dos procesos participativos recollidos neste texto son unha breve recompilación dos traballos publicados por Heras [Heras, F. (2002). Entre tantos: guía práctica para dinamizar procesos participativos sobre problemas ambientales y sostenibilidad. Valladolid: GEA], Blas e Ibarra [Blas, A. e Ibarra, P. (2006). La participación: estado de la cuestión. Cuadernos de trabajo de Hegoa, (39), 1-44] e Alguacil [Alguacil, J. (ed.) (2006). Poder local y participación democrática. Barcelona: El Viejo Topo].

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s